Select Page

Neste 8 de marzo de 2017 vimos con máis forza ca nunca porque somos moitas máis que cando comezamos. Estamos unidas por unha mesma causa. Respondemos ao chamamento do paro internacional feminista. Estamos na Arxentina, fronte aos crimes machistas e o seu intento de aterrorizarnos e victimizarnos; estamos nos Estados Unidos fronte ao misóxino Trump e o seu neoconservadorismo; estamos en Rusia, fronte a unha lei que despenaliza os malos tratos contra as mulleres e criminaliza a diversidade sexual; estamos contra as persecucións e asasinatos de activistas feministas por defender o seu territorio, desde o Sahara Occidental até Hoduras; estamos en Polonia, contra os intentos de ilegalizar o aborto demostrando que o movemento feminista pode facer unha folga xeral e tombar unha lei. Porque estar xuntas dános forza, emerxemos creando comunidade e estabelecendo lazos de axuda entre nós. Porque a súa loita é a nosa loita. Deste modo creamos o mundo no que queremos vivir. Non temos medo, organizámonos!

Plantamos cara e exiximos SOLUCIÓNS:

  • Exiximos un cambio de modelo político onde os nosos dereitos non sexan cuestionados. Fronte a un Estado e unhas institucións que nos ignoran, denunciamos a violencia institucional que sufrimos. Non existen leis efectivas que erradiquen a violencia estrutural e que supriman a ierarquía que coloca aos homes por riba das mulleres. Non permitimos que sexan outros quen lexislen e decidan sobre as nosas vidas e os nosos corpos. Imos mudar os valores asumidos que nos invisibilizan e imos pór fin non só á violencia física, verbal e psicolóxica, senón tamén ao seu desencadeante: a violencia simbólica.
  • Exiximos que se respecte a diversidade de xénero e sexual. Non toleraremos a pasividade fronte ás agresións lesbófobas, tránsfobas e homófobas. Reivindicamos os nosos desexos e o dereito a ser e estar como libremente decidamos.
  • Exiximos que se garanta a acollida a todas as persoas que desexen migrar, porque a mobilidade é un dereito. Loitamos para romper as fronteiras que exclúen e as institucións que reteñen. Porque o rexeitamento é medo a quen é diferente. Denunciamos a situación das mulleres refuxiadas, das que sofren todo tipo de violencia durante o seu proceso migratorio, das que son silenciadas nos CIES, das que sofren o esquecemento en eternos campamentos. Porque ningún ser humano é ilegal!
  • Denunciamos que nos faltan as presas criminalizadas por tentar sobrevivir e por defender a terra, mentres os crimes das corporacións e a corrupción política fican impunes porque benefician ao capital. Abaixo os muros dos cárceres!
  • Exiximos unha educación laica, pública e gratuíta. Con currículos feministas onde se visibilice o papel das mulleres en todas as disciplinas. Non somos unha excepción, somos unha constante que foi calada. Exiximos que se poña de manifesto nas aulas a loita polos nosos dereitos, as persecucións ás que nos vimos sometidas, as nosas metas e os nosos logros.
  • Exiximos unha educación afectiva e sexual libre de estereotipos patriarcais e normativos. Unha educación sexual que nos eduque na diversidade, sen medos, sen complexos e sen reducirnos a obxectos pasivos.
  • Loitamos para que todas podamos decidir libremente sobre os nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Opómonos a que se recorte o dereito a decidir sobre o aborto ás mozas entre 16 e 18 anos que ven menosprezada a súa capacidade de autonomía e decisión.
  • Exiximos que se erradique a división sexual do traballo, que nos condena a empregos precarios, peor pagos, non remunerados, ilegais e invisíbeis. Que nos obrigan a ser coidadoras como algo esencial do noso sexo. Os coidados físicos e emocionais son responsabilidade de todos e todas, non só das mulleres.
  • Neste sistema patriarcal capitalista, sufrimos especialmente os recortes. Somos nós, as mulleres, as que asumimos traballos que deben pertencer á esfera pública.  Exiximos a socialización dos coidados, e a asunción da responsabilidade colectiva do sostemento da vida de todos os seres humanos e do planeta. A crise dos coidados e a finitud dos recursos naturais, evidencian a necesidade de crear recursos públicos e comunitarios que fagan posíbel a sustentabilidade da vida.
  • Exiximos uns medios de comunicación que respecten a nosa diversidade e os nosos corpos, que non nos cousifiquen nin instrumentalicen. Non consentimos que se nos utilice como unha cota que é simple aparencia e que continúa perpetuando o sistema heteropatriarcal.
  • Non queremos unha política “feminizada” polo heteropatriarcado, senón que exiximos políticas feministas.

Este 8 de marzo camiñamos unidas para parar o sistema heteropatriarcal. Unímonos porque é o noso MOMENTO. Aliámonos para ser máis fortes. Paramos para crear un mundo máis xusto e equitativo que non nos dea as costas. Respondemos ao berro común contra as violencias machistas. Unha violencia que, no Estado español, arrasou coa vida de máis de 1.000 mulleres só nos últimos 10 anos, mentres se maquillan as cifras para reducir o orzamento, minimizando así unha situación de MÁXIMA URXENCIA. En pouco máis de dous meses foron asasinadas 28 mulleres e menores no Estado (2 na Galiza).

Querémonos libres, querémonos vivas! Desde as nosas situacións concretas emerxemos internacionalmente para loitar xuntas, porque contra as políticas machistas, nós damos resposta: O MOVEMENTO FEMINISTA!!

Xuntas, como estamos hoxe, seguiremos construíndo ese movemento feminista amplo e diverso onde todas poidamos sentirnos incluídas, acollidas e empoderadas.

Porque as diferenzas que nos separan, non son nada comparado con todo o que nos une: a alegría de combatir con outras, a vontade de achegar todas as voces e a certeza de que sumando, multiplicámonos.

O Feminismo precisa de todas, e todas precisamos do Feminismo!

Compostela, marzo 2017

Share This